A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades colabora un ano máis coa Carreira Camiño das Letras, unha proba cultural e deportiva impulsada por Xurdir que ten por obxectivo celebrar as Letras Galegas e poñer en valor o Camiño de Santiago a través do deporte. Así o explicaron esta mañá o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, que participaron na rolda de prensa para dar a coñecer os detalles desta actividade, que terá lugar o propio día 17 de maio.
Os representantes da Xunta de Galicia salientaron o papel da Carreira Camiño das Letras como “un xeito de achegarlle a toda a sociedade unha das festas máis importantes da nosa cultura, sacala á rúa e asociala aos valores que promove o deporte”. No acto tamén participaron Ana Isabel Vázquez, directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura; José Manuel Iglesias Gómez, concelleiro de Facenda de Boqueixón; María Esther Pedrosa, concelleira de Deportes de Santiago de Compostela; Iván Sanmartín, presidente da Federación Galega de Atletismo, e Ignacio Seijo, director-xerente de Xurdir.
Esta actividade enmárcase na programación de máis dun centenar de accións que o Goberno galego, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a CRTVG, en colaboración con numerosas empresas, entidades, administracións locais e editoriais, impulsan para celebrar o 60 aniversario das Letras Galegas e homenaxear a Francisco Fernández del Riego.
Dúas probas absolutas
A IX Carreira Camiño das Letras, que como cada ano forma parte do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, constará de dúas probas absolutas nas que poderán participar atletas federados ou sen federar, unha de 15 km, que partirá ás 10,00 horas do Pico Sacro e percorrerá a Ruta da Prata ata a Cidade da Cultura, e outra de 5 km, que comezará ás 10,05 horas no Gaiás e seguirá un circuíto polo Bosque de Galicia.
Ademais, a partir das 12,00 horas, a rapazada tamén poderá participar desta celebración nalgún dos circuítos habilitados na Cidade da Cultura, que van desde a categoría sub 6 á sub 16.
As persoas interesadas poderán inscribirse na páxina web www.carreirasgalegas.com ata o domingo 14 de maio ás 23,50 horas. Despois, poderán recoller os seus dorsais na sede de Bonaval Car o martes 16 de 9,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 20,00 horas, momento en que recibirán como agasallo un libro e o diploma Camiños das Letras.
Os tres primeiros clasificados das proba de 15 km e 5 km recibirán cadanseu trofeo máis un lote de libros; os tres primeiros clasificados de cada unha das restantes categorías recibirá un lote de libros, e o club federado e o colexio do que máis atletas rematen as probas recibirán un trofeo e un lote de libros.